A Consellería de Economía e Industria defendeu hoxe en Vilanova de Cerveira (Portugal) a firme aposta da Xunta de Galicia pola potenciación dos cluster e a promoción da colaboración entre eles para que poidan ser instrumentos de valor para impulsar o crecemento económico.
Durante a súa participación nun encontro empresarial organizado pola Comunidade Intermunicipal (CIM) Alto Minho, o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, amosou a aposta da Xunta de Galicia polos cluster como pancas para impulsar o desenvolvemento económico e a competitividade de Galicia e do Norte de Portugal.
Aguilera Navarro amosouse convencido de que os cluster deben reforzarse para “gañar representatividade como portavoces dos seus respectivos sectores e para seren interlocutores e referentes para as administracións” no deseño e aplicación das políticas de promoción empresarial.
O director xeral do Igape tamén considerou imprescindible que os cluster avancen cara á súa autofinanciación e que establezan cada vez máis lazos de colaboración entre eles, tanto a nivel rexional como internacional, un labor no que o Igape está a tender pontes a través dos encontros que está a promover cos clúster galegos en diferentes grupos de traballo, e mediante a participación en proxectos europeos como ATCluster ou ATC4 Excellence.
A Consellería de Economía e Industria está a promover o estreitamento de lazos de cooperación entre os cluster galegos para facilitar melloras na súa xestión, na súa competitividade e nos servizos que prestan ás empresas asociadas. Nun encontro desenvolvido a pasada semana en Santiago, os xerentes dos cluster galegos acordaron afondar, contando coa colaboración da Consellería, en aspectos como a posibilidade de compartir espazo físico ou servizos de calidade para xerar maiores sinerxías entre eles.
O cumio serviu para poñer en común as conclusións dos tres grupos non que levan semanas traballando os quince cluster galegos comprometidos nesta iniciativa de colaboración promovida pola Consellería de Economía e Industria, que os considera, de acordo co previsto na Lei de Política Industrial de Galicia, pedra angular para promover melloras da competitividade e dinamizar a internacionalización das empresas dos seus respectivos sectores e, polo tanto, da economía galega no seu conxunto.