O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á Eurocidade Chaves-Verín como a demostración inequívoca de que existe un modelo baseado na cooperación, que axuda a resolver eivas e abrir novas oportunidades, e propuxo aplicar esta fórmula a calquera ámbito de xestión para saír da cris e.
“Nestes tempos de crise, -dixo- teñen que rexurdir institucións que saben diferenciar o substancial do secundario; e comportamentos que nin se inhiben diante das dificultades nin descargan a súa frustración no veciño, senón que se alían con el. A cooperación segue a ser a forza motriz, e non a forza paralizante para remover todos os atrancos do presente”.
Feijóo, que esta mañá inaugurou a nova sede desta eurocidade, subliñou que, máis ca nunca, é unha necesidade xestionar de forma equilibrada os fondos públicos, evitar duplicidades e lograr eficiencias que nos permitan facer máis investimentos conxuntos. “E máis ca nunca, temos a vontade de que así sexa”, afirmou ao que engadiu que esta instalación é a expresión de que, pese ás dificultades, “queremos que a cooperación transfronteiriza teña máis dimensión, sexa máis visible e logre ser aínda máis útil”.
O presidente autonómico resaltou que esta sede reforza aos Eurocidadáns, que verán optimizado un proxecto de colaboración que funciona desde hai anos; reforza aos concellos de Verín e Chaves, que disporán dun lugar para planificar conxuntamente accións e proxectos que lles permitan contar con maior respaldo europeo; e reforza a Cooperación Transfronteiriza, que afianza o seu rol de política pública preferente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Conscientes de que atravesamos tempos duros, que poñen a proba a capacidade de calquera estrutura de goberno, Feijóo salientou que a crise tamén é un reto para a Eurocidade Verín-Chaves, como o é para o conxunto da Eurorrexión: “Cómpre buscar fórmulas para solventar problemas derivados da recesión económica e para que a crise non free as posibilidades da cooperación transfronteiriza. Temos que seguir derribando barreiras a un e outro lado, especialmente en temas tan sensibles para os cidadáns como a saúde, a educación e o turismo”.
Diante desta situación, subliñou que en lugar de rachar con todo ou de practicar un estéril nihilismo; “seguimos apostando pola cooperación para mover as cousas”. “A cooperación -dixo- non é unha fórmula máxima, pero si o mellor camiño para atopar as solucións máis acertadas e máis colectivas en cada etapa”.
O titular da Xunta amosouse convencido de que tanto España como Portugal precisan dunha unidade extraordinaria para afrontar as súas respectivas dificultades e lembrou que as experiencias transfronteirizas de Galicia e o norte de Portugal sempre tiveron un compoñente pioneiro. “Serviron de modelo para outras partes da Unión Europea e amosaron sempre unha conduta digna de extrapolar a calquera ámbito de xestión. Hoxe –reiterou- volve ocorrer o mesmo”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ás palabras de Jacques Delor, ‘Europa é froito da necesidade e da vontade’, para recalcar que esta experiencia europea tamén é o resultado de conxugar ambos factores: “as mulleres e homes de Verín e de Chaves non se limitaron a imaxinar un futuro de progreso conxunto, senón que se dispuxeron a traballar por el”.
“A Eurocidade non foi ningún experimento, senón un instrumento útil para mellorar a calidade de vida dos seus eurocidadáns. Hospitais, instalacións termais, Escola de música e danza, Universidade Trasosmontes, Escola Superior de Enfermería, Polígonos industriais, Bibliotecas Municipais, Museos, Complexos deportivos... ningún destes servizos comúns aos cidadáns de Verín e de Chaves son unha entelequia, como prevían os máis pesimistas nos albores da Eurocidade”.
O responsable do Goberno galego concluíu lembrando que a motivación da Eurocidade Verín-Chaves, ao igual que de toda a familia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, provén dunha reflexión aparentemente simple, pero cunha enorme profundidade: “consideraron que a liña imaxinaria que parecía que os separaba, en realidade uníaos. A un e a outro lado da fronteira, detectaron problemas comúns, necesidades compartidas e aspiracións coincidentes”.
Feijóo quixo aproveitar este acto para animar ao primeiro ministro portugués pola súa determinación para sacar adiante a República Portuguesa. “Os políticos que queren ao seu país sempre dan a cara polo seu país”, asegurou, ao que engadiu que “sen dúbida, ese mesmo modelo de determinación e eses mesmo modelo de compromiso cos intereses xerais de España é o modelo do Goberno español”.