| |

17 ago 2012

Montaxe da estrutura que reforzará
a ponte internacional sobre o río Minho

VALENÇA do MINHO (Redacción)
O porto de Goián, no municipio pontevedrés de Tomiño, acolle os traballos de montaxe da estrutura que reforzará a ponte internacional sobre o río Miño en Tui. O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o embarcadoiro que xestiona o ente público, para comprobar o avanzado estado dos traballos que se efectúan na explanada portuaria.
En concreto, a ocupación deste terreo foi cedida temporalmente por Portos de Galicia para a construcción das ensamblaxes que permitirán restaurar os piares do viaducto que une España e Portugal, entre Tui e Valença. Actualmente estes traballos atópanse xa na súa fase final e posteriormente as pezas serán trasladadas, río arriba, ata a ponte.
O tamaño das pezas que se empregarán para o reforzo dos piares non permitían a súa montaxe no peirao de Valença, polo que a Cámara de Valença solicitou a Portos de Galicia a ocupación dunha parcela no embarcadoiro de Goián para que a empresa portuguesa encargada da montaxe da estrutura poidese facelo no peirao español. Portos deu o visto bo a esta operación de colaboración entre os dous lados do río Miño, cuxa ponte representa as relacións e a cooperación existente entre Galicia e Portugal ao longo da súa historia.

Os traballos que se veñen realizando por parte da firma lusa na zona ocupada, aproximadamente uns 1.200 metros cadrados do total do embarcadoiro, divídense en catro fases. A primeira delas consistiu na sinalización da zonas de traballos a través de paneis. En segunda instancia, realizouse o transporte mediante camións das diferentes pezas de gran tamaño ata Goián. Nunha terceira etapa, que está actuamente a piques de rematar, estanse montando as distintas pezas da estrutura para que, finalmente, sexa colocada no río en dúas metades mediante o apoio dunha grúa móbil.
Con esta operación en Goián, na que colabora Portos de Galicia, poderase iniciar a reparación desta histórica ponte, que une Galicia con Portugal dende hai 125 anos. Cabe destacar que estes dous municipios están estreitamente relacionados e constitúen a Eurocidade Tui-Valença, cuxo protocolo foi asinado o pasado mes de febreiro.